Carballo acollerá o 8º congreso da “Rede de Cidades que Camiñan”

Encuntro de "Cidades que caminhan"_Ayuntamiento de Carballo

  • O municipio recibiu o apoio maioritario da asemblea de socios da rede, celebrada en Cádiz a principios de marzo

O Concello de Carballo será a sede do 8º congreso anual da “Rede de Cidades que Camiñan”, que se celebrará no mes de marzo do ano 2021, despois de contar co apoio maioritario na última asemblea celebrada en Cádiz a principios de marzo. Este é un recoñecemento máis ao traballo desenvolto desde o goberno local a favor dunha mobilidade máis sostible despois de recibir o galardón do programa no ano 2018, na categoría de concellos de 20.000 a 100.000 habitantes.

Para empezar a preparar o congreso, este martes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mantivo unha reunión coa secretaria técnica da “Rede de Cidades que Camiñan”, Ana Montalbán; co concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane; a concelleira de Planificación Urbana, Milagros Lantes e o arquitecto municipal, Alfredo Garrote. Neste primeiro encontro baralláronse datas, escenarios e temas para o congreso, pero as propostas irán concretándose nos vindeiros meses en función da evolución da situación sanitaria.

Despois da xuntanza, que se celebrou na Casa do Concello durante máis de 1 hora, os representantes municipais acompañaron a Ana Montalbán nunha visita ao Fórum Carballo para coñecer as instalacións do edificio que podería albergar o congreso e as obras de accesibilidade rematadas na súa contorna.