- As proxeccións realizaranse o 5 e o 26 de maio e o 9 de xuño, ás 20.00 horas, na biblioteca Rego da Balsa
A Concellaría de Cultura de Carballo organiza, arredor do 1º de maio, un ciclo de documentais sobre o movemento obreiro nas cuncas mineiras. Precisamente este ano conmemórase o 60º aniversario da folga mineira de Asturias de 1962, que durou dous meses e que serviu coma detonante para outras folgas en todo o territorio nacional que mobilizaron a máis de 300.000 obreiros.
As proxeccións levaranse a cabo os días 5 e 26 de maio e o 9 de xuño, ás 20.00 horas, na biblioteca Rego da Balsa. A entrada será libre e de balde. Estas son as propostas:
5 de maio. Mines de Figareo, memoria d’unha llucha. Baseada en feitos sucedidos entre os anos 1978 e 1980.
Sinopse: Un repaso polos feitos e accións máis destacadas que protagonizaron os traballadores de Minas de Figaredo na loita pola nacionalización da empresa (1978-1980), un manual de guerrilla urbana e de pobo.
26 de maio. Los labios apretados. Baseada nos feitos sucedidos durante a revolución de 1934.
Sinopse: En 2005, Sergio, o fillo dun mineiro asturiano emprende unha viaxe a Bos Aires sen saber que, en paralelo, inicia outra: a da memoria. Alí descobre un acontecemento histórico de talla mundial que ocorreu á beira da súa casa: a revolución de Asturias de 1934.
9 de xuño. Remine. Baseada en feitos acaecidos no ano 2012.
Sinopse: Máis de 4.000 mineiros declaran unha folga indefinida contra os recortes históricos aprobados polo goberno. Organizan a diario protestas: cortan estradas, encérranse a 700 metros de profundidade, andan 500 quilómetros ata Madrid… Pero xa nada é como antes, nin sequera os sobreviventes do último movemento obreiro.