A feira do vehículo de ocasión que organiza Axober, coa colaboración do Concello de Carballo, celebrarase os días 29, 30 e 31 de agosto na zona do Rego da Balsa. Organizadores e concesionarios participantes están celebrando reunións para preparar esta 20ª edición, na que podería acadarse unha cifra récord de empresas e vehículos participantes. A coincidencia, un ano máis, de Berocasión e da feira dominical promete que se volva a converter Carballo no gran punto de encontro da Costa da Morte en torno ao automóvil. Durante a reunión comezouse a traballar na organización do evento, abordando cuestións clave como a distribución do espazo expositivo e as accións de promoción. Debido á ampla demanda por parte dos concesionarios participantes, estase a xestionar a posibilidade de ampliar a superficie da feira, incluíndo novos espazos, co obxectivo de dar cabida a todos os expositores interesados. Berocasión 2025 promete ser unha edición especial, tanto pola súa dimensión como polo feito de conmemorar dúas décadas promovendo o sector do automóbil na Costa da Morte.