Carballo acolleu a gala anual de entrega dos premios Vilas en Flor

2 minutes read

A oitava edición do programa Vilas en Flor Galicia reuniu este venres no Fórum Carballo a representantes de 41 municipios de menos de 40.000 habitantes, nun acto que recoñeceu con Flores de Honra os esforzos destes concellos por mellorar os seus espazos verdes rurais e urbanos. O movemento, impulsado desde 2018 pola Fundación Juana de Vega, busca transformar a planificación, o deseño e a xestión das zonas verdes, combinando criterios estéticos e ecofuncionales. A súa filosofía entende a paisaxe como un escenario sinérxico onde conflúen valores ambientais, culturais, históricos e sociais, co obxectivo de xerar contornas de calidade para os habitantes.

Durante a gala entregáronse entre 1 e 5 Flores de Honra segundo a execución ambiental de cada municipio. Os recoñecementos máis altos, con 4 flores, recaeron en Allariz, Carballo, Chantada, Salceda de Caselas e Tomiño, mentres que 13 municipios recibiron 3 flores, 14 concellos 2 flores e 9 municipios foron distinguidos con 1 flor.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor a aposta dos concellos recoñecidos cos premios Vilas en flor por reforzar a súa riqueza paisaxística a través dunha xestión sostible que promove os espazos verdes urbanos e ofrecen unha maior calidade de vida á veciñanza.

Durante a súa intervención no acto de entrega das Flores de honra, que tivo lugar en Carballo, a conselleira animou aos concellos a seguir desenvolvendo iniciativas que contribúan a ter unhas vilas e cidades “máis verdes, coidadas, sostibles e fermosas”.

Nesa liña, Ángeles Vázquez enxalzou o “labor constante” de autoridades municipais, técnicos, asociacións veciñais e de todas as persoas que traballan no día a día para impulsar proxectos que converten as nosas contornas en lugares de encontro, convivencia, saúde e lecer.

Así, animou aos concellos a seguir creando infraestruturas vedes, que, ademais de contribuír á sostibilidade do planeta, reforzan a riqueza paisaxística do noso territorio, melloran a calidade de vida das persoas e fomentan a interacción social ao converterse en lugares de desfrute conxunto. “Cada xardín, cada praza e cada senda é un exemplo do que significa apostar pola natureza como eixo de futuro”, aseverou a conselleira.