O Fórum Carballo acolleu este venres o II Congreso Galicia é ESS, unha iniciativa aberta a todas as persoas que comparten os valores da economía social e solidaria ou que queren achegarse a este movemento, orientado á construción dun modelo económico baseado na cooperación, a sostibilidade e a xustiza social. O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Promoción Económica, Xosé Regueira, participou na mesa inaugural do evento, xunto co alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Innovación, Formación, Emprego, Fondos Europeos e Axenda Urbana, Iván Andrade; e a directora de REAS Galicia, María Paz.
O II Congreso Galicia é ESS desenvólvese ademais ao día seguinte doutro evento tamén en Carballo ao redor da economía social, o que converte a localidade nun punto de referencia durante esta semana para o debate e a divulgación de propostas económicas alternativas, cunha programación continuada promovida pola Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia en colaboración co concello.
Ao longo da xornada, o congreso propuxo compartir saberes e aprendizaxes acumuladas e procurar inspiración noutras experiencias e noutros territorios para artellar, de maneira colectiva, un mercado social, solidario e certeiro.