Nesta liña están en marcha no CEIP Gándara-Sofán as obras de construción de aseos, un almacén e mellora do pavimento da pista deportiva. Para solucionar a falta de aseos e de espazo de almacenamento construirase unha edificación acaroada ao pavillón con acceso tanto dende o interior coma dende o exterior. Ademais, dado o deterioro que experimentou a pista de xogo durante os anos previos á construción da cuberta e o peche, o proxecto actual inclúe a súa mellora, así coma a sinalización e a instalación dos elementos necesarios para a práctica dos deportes axeitados á súa dimensión.
Neste momento tamén está en licitación o contrato de subministro e colocación de pavimento e subministro de canastras de baloncesto elevables ao teito no IES Parga Pondal.
Con esta actuación, ademais de mellorar o equipamento da instalación, instalarase un novo pavimento deportivo que garanta a seguridade e o confort do deportista e que, ao mesmo tempo, minimice a posibilidade de eventuais accidentes derivados da práctica de actividade deportiva sobre superficies non adaptadas á normativa vixente.
Pavimentos con estas características téñense instalado xa nos últimos anos en centros coma o CEIP Fogar ou o IES Monte Neme.
