Carballo acumulou 42 litros de auga por metro cadrado e preto de mil raios


A piques de entrar no outono, Galicia enfróntase desde este xoves a un aviso amarelo por fortes choivas e treboadas. O causante foi un centro de baixas presións ao oeste de Portugal, e ao oeste de Galicia, que causou inestabilidade atmosférica con aire frío en altura e aire quente en superficie. Ingredientes máis que perfectos para que teñamos esas treboadas. Os ceos tornaron negros ás 5 da tarde na comarca de Bergantiños con choivas localmente intensas. A media tarde deste xoves caeran en toda a comunidade máis de 4.400 raios, entre a terra e a zona de mar, aproximadamente uns mil na Costa da Morte, onde ademais en Carballo se chegou a acumular ata 42 litros de auga por metro cadrado. Os danos máis significativos por asolagamento de rúas e sumidoiros saturados estiveron centrados nas rúas Ponte da Pedra, Valle Inclán, Xúpiter, Revolta, Avenida de Razo, Andorra e Santa María. Tamén se produciron varios cortes de suministro eléctrico, un deles afectando por completo ao alumeado público.