- Durante a primeira fase prevese a construción de 720 nichos e 96 columbarios
Este luns foi adxudicada a primeira fase das obras de ampliación do cemiterio municipal á empresa Vázquez y Reino por un importe de 647.008,93 euros. Así se acordou durante a celebración da Xunta de Goberno Local, onde se estimou que o prazo de execución do proxecto será de catro meses, a partir da sinatura da acta de comprobación dos planos sobre o terreo.
Esta ampliación permitirá «paliar a actual escaseza de nichos», sinalan desde o Concello. Durante a primeira fase prevese a construción de 720 nichos e 96 columbarios, pero o proxecto completo inclúe nove bloques de niños (dous deles dando continuidade a panteóns xa existentes e o resto, coma bloques illados) e cinco de columbarios. En total está prevista a construción de 456 panteóns con 1.824 nichos e de 256 columbarios distribuídos en 64 columnas.
Así mesmo, en cumprimento da lexislación autonómica sobre sanidade mortuoria, nesta primeira fase procederase á instalación dun forno incinerador para a eilimnación de roupas, útiles, madeiras e demais residuos procedentes da evacuación e limpeza de sepulturas ou do propio cemiterio.
A ampliación do cemiterio é unha das obras que se financiarán con cargo ao remanente de tesourería do ano 2019. Outra delas, que tamén foi adxudicada onte, é a reforma parcial dos almacéns municipais situados na esquina da avenida da Cristina coa rúa Xasmíns para garaxe de Protección Civil. A empresa construtora será tamén a carballesa Vázquez y Reino, por un importe de 76.078,60 euros.
Outros acordos
Aparte da aprobación de facturas por un importe de 75.399,84 euros, tamén se deu luz verde aos expedientes de contratación das obras de rehabilitación da cuberta e substitución da varanda da tribuna do estadio municipal das Eiroas, por 56.985,18 euros, así como da rede de subministro de auga potable ao núcleo de Pedra do Sal, por 687.472,26 euros.
No relativo ás licenzas urbanísticas, entre elas aprobouse a ampliación dun edificio de uso comercial e administrativo situado entre as rúas Esquío, Concepción Arenal e Vázquez de Parga, cun orzamento de 429.429 euros.
En materia de contratación tamén foi adxudicado á mercantil Consultoría e Informática para la Gestión Social, por 18.904,02 euros para un período de catro anos, o subministro da aplicación web para a xestión do servizo de axuda no fogar. Este contrato permitirá ao Concello de Carballo dispoñer de seis licenzas de uso para o persoal municipal e da empresa externa prestadora do servizo para automatizar todas aquelas tarefas que implica a xestión do servizo.