- Na zona costeira tamén está en contratación o proxecto de saneamento dos núcleos de Cambre, O Outeiro e Cambrelle
A Xunta de Goberno Local aprobou este luns a adxudicación das obras de construción da rede de abastecemento de auga ao núcleo de Lema á empresa Vázquez y Reino por un prezo de 361.912,28 euros. Con esta actuación, incluída no POS+Adicional 2019, estenderase a traída municipal por toda a costa, que nestes momentos chega a Razo.
Nesta segunda fase instalarase a rede principal dende Razo ata Lema, que inclúe un ramal cara a praia e a conexión ás canalizacións existentes nos núcleos de Centeás, A Chamusqueira ou O Igrexario. Tamén se dará servizo ao Castrillón.
A maiores, está pendente de adxudicación o proxecto de instalación das redes de saneamento e abastecemento nos núcleos de Cambre e Outeiro (Lema) e Cambrelle (Razo), que se financiará con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais do ano 2019 cun orzamento de 416.971,86 euros. Na zona costeira, así mesmo, dentro do POS+ aprobado este ano inclúese un investimento de 687.472,26 euros para seguir estendendo a rede de subministro de auga potable ata Pedra do Sal.
En total, despois da recente execución da rede de abastecemento ás parroquias de Oza e Razo, o investimento que realizará o Concello de Carballo neste mandato para estender o servizo público de auga ao litoral superará os 3,2 millóns de euros.