- O orzamento para estes contratos ascende a case 600.000 euros
A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou este luns a adxudicación de dous contratos de roza: un para espazos urbanos e de uso público, e outro para vías municipais en todas as parroquias.
Dos primeiros encargarase a empresa de José Luis Campos Campos, de Artes, por un importe máximo de 240.012,5 euros para os cinco anos de duración máxima do contrato (1+4 prórrogas). Entre as zonas incluídas na roza atópanse o paseo fluvial do Anllóns e parcelas anexas, a contorna do cemiterio municipal, os aparcamentos das praias, parcelas do polígono industrial de Bértoa ou os campos da festa de todas as parroquias.
En canto á roza de vías, Jardincelas substituirá á empresa Destramedia Ibérica despois da renuncia desta. O prezo máximo é de 359.792,05 euros para os cinco anos de tope do contrato (1+4 prórrogas). Os traballos servirán para reforzar o servizo dos tractores municipais e para axilizar as tarefas de roza en 270,5 quilómetros de vías.
Con estes novos contratos completarase o servizo integral de mantemento da rede viaria municipal, que tamén inclúe dous contratos de conservación de vías públicas adxudicados á empresa Construcciones López Cao por un total de 1.560.108 euros (65,5% na zona rural e o 34,5% na urbana) para un máximo de cinco anos; e outro de conservación e traballos de sinalización horizontal e vertical na rede viaria, que foi adxudicado á empresa SACYR por 291.380 euros para cinco anos.