Carballo | Adxudicados varios paquetes de obras por máis de 750.000 euros

2 minutes read
  • Entre as actuacións previstas figuran melloras na rede de abastecemento de vinte rúas urbanas ou a nova cuberta do pavillón do CEIP Gándara-Sofán

A Xunta de Goberno Local de Carballo adxudicou este luns un paquete de obras por un importe superior aos 750.000 euros. Entre as actuacións que se levarán a cabo destacan, en primeiro lugar, as melloras da rede de abastecemento en 20 rúas urbanas: Antón Fraguas, Muíño, Río Miño, Avenida da Milagrosa, Río Anllóns, Enxeñeiro Barreira, Anduriña, Gran Vía, Lousa e Titanio (polígono de Bértoa), Vázquez de Parga, Muíño, Mendel, Camiño do Bosque, Pan, Gardenias, Doutor Severo Ochoa, Tarragona, Dalias e Nacente. O obxectivo xeral das actuacións previstas, que teñen un custo de 169.192,22 euros e forman parte do POS+Adicional 2/2021, é a mellora das presións da rede, a cloración e a garantía do subministro. A empresa adxudicataria é Gestión y Técnicas del Agua (Gestagua).

Outra das intervencións céntrase na execución das obras da rotonda prevista na AC-552 que corresponde ao sistema xeral viario VI/AU06. A glorieta situarase na zona da Revolta. A actuación conta cos informes favorables tanto do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas coma de Augas de Galicia, e será executada pola empresa Excavaciones y Obras Candal por 197.218,86 euros.

Por outra banda, Vázquez y Reino será a empresa encargada da substitución da cuberta e outras melloras no pavillón polideportivo do CEIP Gándara-Sofán. As obras contan cun orzamento de 208.579,69 euros. Ademais, esta empresa tamén conseguiu o contrato mixto de subministro e obras de adecuación dos parques infantís da Praza do Hospital e o Parque do Chorís. O obxectivo destas actuacións, adxudicadas por 106.003,78 euros, é renovar as instalacións e facelas accesibles para todos os nenos e nenas, creando así espazos de convivencia interxeracional.

O outro paquete de obras contempla a reurbanización da rúa Chile, o que permitirá seguir avanzando no proxecto de toda a contorna do balneario tras os traballos que se están realizando na actualidade nas rúas Baños Vellos, Ourense e Pontevedra. A mellora da rúa Chile, tanto no que respecta a servizos coma a mobilidade, correrá a cargo da empresa Gestal y López por un importe de 77.106,49 euros.

Outros acordos
En materia de contratación, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou a prórroga por un ano, dende o 18 de maio deste 2022 ata o 18 de maio do 2023, do contrato de servizos para a asesoría xurídica do Centro de Información á Muller (CIM) coa empresa Amoroso y Asociados, por 17.424 euros. Tamén se iniciou o expediente relativo ao contrato de implantación dun servizo integral de impresión, cun orzamento de 54.208 euros por 16 meses.