Carballo alega ao proxecto da liña de evacuación de Monteagudo e Pedra Queimada

1 minutes read

O Concello de Carballo presentou alegacións ao proxecto que está a tramitar a Consellería de Economía, Industria e Innovación para a liña de alta tensión de 66 kV destinada a evacuar a enerxía xerada nos parques eólicos Monteagudo e Pedra Queimada. O proxecto prevé a construción dunha liña de 13.722 metros ao longo dos municipios de Arteixo, A Laracha e Carballo, e que no noso concello constaría dun treito soterrado de 46 metros e doutro aéreo de 1.936 metros.

O primeiro reparo do Concello de Carballo ten que ver coa afección paisaxística que suporía o trazado previsto, e nese sentido reclaman o cumprimento das Directrices da Paisaxe de Galicia. De feito, na documentación obsérvase claramente que a liña prevista está moi próxima a outras xa existentes, polo que, segundo o informe elaborado polos servizos técnicos municipais, “deberían terse en consideración as infraestruturas existentes, ao fin de evitar duplicidade de trazados, custos e posibles afeccións e impactos sobre o territorio”.

Ademais, segundo os mapas de zonificación ambiental para enerxía eólica publicados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o trazado afecta a zonas “de sensibilidade ambiental máxima”, polo tanto non recomendadas para a implantación deste tipo de proxectos.

Dende o Concello de Carballo tamén piden que se avalíen a posible afección sobre os acuíferos da zona, e os impactos dos cruzamentos da liña de alta tensión cos ríos existentes no trazado. Ademais solicitan que se teñan en consideración, por un lado, a protección dun hórreo e dous muíños moi próximos, e, polo outro, os posibles efectos sobre o espazo protexido de Baldaio, situado, aproximadamente, a 1,5 km do trazado da liña.