Carballo | Alfonso Rueda agradece o traballo das agrupacións de Protección Civil durante a pandemia

2 minutes read

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu o traballo e a implicación das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) pola súa contribución na loita contra a pandemia causada polo coronavirus.

Na súa visita á AVPC de Carballo, acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e outros membros da corporación, destacou o traballo realizado por 5.000 voluntarios de 230 agrupacións que estes meses foron mobilizados coa activación en Galicia do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) e levaron a cabo preto de 100.000 operativos baixo a coordinación do Goberno galego. No caso da AVPC de Carballo, os 45 integrantes da agrupación participaron en case 650 operativos destas características. A maioría das actuacións consistiron no reparto de alimentos e medicamentos, así como visitas a persoas que viven soas para comprobar o seu estado e tarefas de desinfección de lugares públicos.

Declaracións do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.

Alfonso Rueda indicou que “é necesario seguir poñendo en valor o traballo dos miles de voluntarios de Protección Civil que hai en Galicia, que levaron e están levando a cabo unha labor fundamental no día a día dos cidadáns galegos dende o primeiro día da pandemia e de maneira completamente altruísta e desinteresada”.

O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que a Administración autonómica investiu nos últimos anos máis de 17 millóns de euros en dotar a estas agrupacións dun equipamento adecuado para realizar o seu traballo en condicións e, deste xeito, prestar un servizo máis eficaz e velar pola seguridade da cidadanía. No caso da AVPC de Carballo, o investimento da Xunta ronda os 82.000 euros e, entre o material entregado inclúese un furgón e unha carpa presurizada, unha embarcación, un baúl de salvamento e traxes protectores fronte a vespa velutina.

Evencio Ferrero, pola súa banda, destacou o importante labor desenvolvido por Protección Civil nos últimos meses. “Durante o confinamento repartiu alimentos, máscaras, material escolar, vales para usuarios de comedores escolares, fixo visitas a persoas que vivían soas… Un traballo intenso que se realizou con moita responsabilidade e moita profesionalidade”, subliñou.

O alcalde aludiu á “necesaria colaboración entre as dúas administracións, Xunta e Concello”, e asegurou que por parte municipal non se escatimarán esforzos para dotar á agrupación dos medios necesarios. Nese sentido, ademais de agradecer a visita de Alfonso Rueda, expresou o seu desexo de que sirva para “seguir reforzando os servizos de Protección Civil, que tan boa valoración teñen por parte da cidadanía”.

Declaracións do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.