
O 112 Emerxencias Galicia daba a voz de alarma pasadas as cinco e media da tarde deste xoves. Informaba de que unha muller de avanzada idade non respondía as chamadas do exterior e estaba encerrada na súa vivenda, polo que podería necesitar axuda. Con estes datos mobilizouse á Garda Civil, á Policía Local e aos Bombeiros de Carballo, ademais de a un cerraxeiro.
Houbo que cortar un carril de circulación da rúa Perú, sentido Luís Calvo, para situar con seguridade o camión escaleira dos Bombeiros, polo que dous axentes da Policía Local procederon á regularización do tráfico rodado, bastante intenso neses momentos. Moitos foron tamén os curiosos que seguiron o operativo con gran expectación desde a rúa.
Nin os Bombeiros nin o cerraxeiro foron capaces de acceder á vivenda pola porta principal da entrada, situada nun terceiro piso do número 13 da rúa Perú, polo que decidiron entrar á mesma por unha xanela con acceso ao exterior, correspondente á cociña do piso. Unha vez dentro comprobaron que a señora non respondía e a porta estaba pechada e era necesario desbloqueala para que accedesen os servizos sanitarios. Con esta situación os Bombeiros facilitaron o acceso ao cerraxeiro pola xanela mediante o camión escaleira. Xa dentro o cerraxeiro desbloqueou a porta, accederon os servizos sanitarios e a muller foi evacuada de urxencia en ambulancia ao centro médico.