Carballo | Ana Pontón visitou o Grupo Calvo: «Un emblema de Galiza»

1 minutes read

Así o afirmou a líder do BNG, Ana Pontón, nunha visita que realizou este xoves ás instalacións do Grupo Calvo en Carballo, unha empresa multinacional que en 2.020 tivo unha facturación próxima aos 600 M€. Pontón destacou a capacidade do complexo mar-industria de Galicia para xerar riqueza e emprego, -do que o Grupo Calvo é un referente a nivel internacional-, e solicitar que este sector sexa considerado estratéxico á hora de participar nos fondos europeos de recuperación Next Generation.

Pontón expresou o “orgullo” do BNG ante unha empresa galega “de proxección mundial que é sinónimo de calidade, innovación e de compromiso ambiental e social, un emblema de Galiza”, ademais aproveitou a visita para salientar algunhas das propostas do BNG para potenciar o sector mar-industria, no que a investigación e a innovación xogan un papel decisivo para xerar valor engadido.

Neste sentido, a formación nacionalista propón a creación dun Consorcio de Coordinación da investigación mariña dedicado a I+D+i en  temas como a contaminación e o cambio climático en relación co mar e as rías;  usos de produtos do mar tanto na alimentación como na biomedicina ou para biomateriais; para realizar estudos de apoio a sectores produtivos relacionados co mar e para o desenvolvemento de sistemas de obtención de datos mediante BIG DATA.

Ana Pontón estivo acompañada na súa visita polo deputado e concelleiro carballés Daniel Pérez, o alcalde, Evencio Ferrero e o presidente do Grupo Calvo, Luciano Calvo Pumpido, que aproveitou a ocasión para agradecer a presenza da líder do BNG para interesarse polo funcionamento da compañía.