Carballo anima a comercios e entidades a formar parte da rede de recollida de pilas

Cedida

  • Os establecementos interesados teñen que chamar ao teléfono 981 754 917

No concello de Carballo cada ano logran recoller unha media de 900 quilos de pilas grazas aos colectores distribuídos pola zona urbana, fundamentalmente nos edificios municipais, centros educativos e establecementos comerciais, entre outros. Pero desde o Goberno local queren «seguir mellorando a xestión dun residuo que é altamente contaminante», polo que se optou por estender este servizo de recollida ás parroquias mediante a instalación de colectores nos centros sociais, ademais de animar a empresas e entidades a formar parte desta campaña de recollida.

Para participar só é necesario chamar ao teléfono 981 754 917, e a empresa concesionaria do servizo de recollida e xestión de residuos facilitaralle aos participantes un contedor de balde. Os locais participantes estarán identificados cun cartel.

A mesma compañía que presta o servizo será a encargada de recoller as pilas dos colectores para transportalas a unha planta de reciclaxe.