Carballo apoia a candidatura da Costa da Morte a ‘Destino turístico starlight’


A corporación municipal aprobou no pleno deste luns a adhesión do Concello de Carballo á Declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas, un paso imprescindible que deben dar todos os concellos integrados na CMAT (Costa da Morte Asociación Turística) para que esta gran comarca poida obter a certificación de Destino turístico starlight.

A Declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas emanou da I Conferencia Internacional Starlight” (2007), en cuxa elaboración participaron representantes de UNESCO, OMT, IAU, IAC, Programa MaB e Convención Ramsar, ademais doutros organismos internacionais, e que contén os principios e as reflexións que levan a considerar o ceo nocturno como un patrimonio de todos e todas e expóñense as recomendacións para protexelo e valoralo como un ben científico, cultural, ambiental e turístico de primeira magnitude.