Carballo aposta pola creatividade dixital cunha nova edición de campamentos tecnolóxicos de verán na Aula CeMIT

2 minutes read

A Concellaría de Innovación desenvolverá este verán unha ampla programación de campamentos tecnolóxicos na Aula CeMIT, unha iniciativa enmarcada nos obxectivos do proxecto Talento km 0 (TALK0) e deseñada para que a rapazada de entre 7 e 14 anos desenvolva as súas competencias dixitais dun xeito lúdico e práctico.

O obxectivo da proposta é fomentar o pensamento lóxico, a creatividade e o uso responsable da tecnoloxía mediante o xogo e a experimentación. O concelleiro de Innovación, Iván Andrade, destacou a importancia desta oferta formativa: “O noso obxectivo é que a mocidade de Carballo non sexa só consumidora de tecnoloxía, senón que aprenda a ser creadora, proporcionándolles ferramentas que lles dean autonomía e seguridade no mundo dixital actual”.

A oferta divídese en catro campamentos independentes de 10 días de duración cada un, con grupos reducidos dun máximo de 14 alumnos/as para garantir unha atención personalizada:

  • Pequenos exploradores (7-8 anos): un primeiro contacto coa tecnoloxía a través de historias dixitais, debuxo, animación e robótica básica.
  • Futuros exploradores (9-10 anos): centrado na programación visual con Scratch e o deseño de videoxogos sinxelos.
  • Futuros makers (11-12 anos): introduciranse conceptos máis avanzados como o deseño 3D e a intelixencia artificial para nenos/as.
  • Makers avanzados (13-14 anos): orientado a adolescentes, con contidos sobre edición de vídeo, creación de páxinas web e ciberseguridade.

Os campamentos desenvolveranse de 10:00 a 13:00 horas, de luns a venres, nas seguintes datas:

  • Pequenos exploradores: do 6 ao 17 de xullo.
  • Futuros exploradores: do 20 ao 31 de xullo.
  • Futuros makers: do 3 ao 14 de agosto.
  • Makers avanzados: do 17 ao 28 de agosto.

Cada participante poderá inscribirse nun único campamento, e terán prioridade aquelas persoas que non asistiran en edicións anteriores. O prazo estará aberto a partir do luns 18 de maio ata esgotar prazas. As familias interesadas poden anotarse a través da páxina web da Aula Cemit ou nas oficinas municipais do segundo andar do Fórum Carballo.

Coa posta en marcha destes obradoiros, o Concello de Carballo continúa reforzando o seu compromiso coa alfabetización dixital e a capacitación das novas xeracións nas ferramentas do futuro.

Inscricións