Carballo aproba a concesión de axudas a 107 familias para pagar as facturas da luz

1 minutes read

O Concello de Carballo aprobou este ano a concesión de axudas a 107 familias para o pagamento do subministro enerxético. Tal como se informou na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este luns, nesta convocatoria só foron rexeitadas tres solicitudes por non cumprir cos requisitos establecidos.

As subvencións van destinadas ás persoas maiores de 18 anos ou menores emancipadas que estean empadroadas no concello cunha antigüidade mínima de seis meses, e que cumpran, ademais, algún dos seguintes requisitos:

  • Ser beneficiarias do bono social das diferentes comercializadoras de electricidade, como mínimo durante os tres meses anteriores á convocatoria das axudas.
  • Recibir osixenoterapia domiciliaria polo menos durante seis meses antes da convocatoria das axudas.
  • Recibir tratamento de diálise peritoneal domiciliaria polo menos durante seis meses antes da convocatoria das axudas.

Con esta medida, impulsada dende a Concellaría de Igualdade e Benestar, dende o Concello de Carballo pretenden axudar ás veciñas e veciños con máis dificultades para facer fronte ás facturas da luz. Cada unha das 107 familias beneficiarias recibirá nas vindeiras semanas unha axuda de 200 euros nun pago único, correspondente á anualidade 2023. Entre as tres convocatorias realizadas ata agora foron aprobadas 318 solicitudes, que supoñen 21.611 euros.

Estas subvencións do Concello de Carballo son compatibles coas liñas de axuda que poidan convocar outras administracións.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?