Carballo solicitaralle á Xunta un novo obradoiro de emprego de carpintería e soldadura

Imaxe pleno Carballo decembro_Carballo.org

  • Na sesión celebrada este luns tamén se acordou pedir unha subvención á Consellería de Industria para a instalación de sistemas de seguridade no polígono de Bértoa

A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou na sesión ordinaria deste luns a solicitude de varias subvencións á Xunta de Galicia. Entre elas destaca a dun novo obradoiro de emprego para mozos/as inscritos/as no sistema de garantía xuvenil nas especialidades de carpintería e soldadura. Ademais da formación dun total de 16 alumnos/as durante 12 meses, o proxecto, que ten un orzamento de 391.492,32 euros, terá como finalidade a dotación e renovación do equipamento urbano. As actuacións concretas que se pretenden acometer son a renovación do palco da música e da ponte do Parque do Anllóns, a construción de gradas para espazos lúdicos e deportivos e a instalación de dúas pistas multideportivas.

O goberno municipal tamén aprobou a solicitude doutra subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria para o financiamento de dous proxectos orientados a mellorar a seguridade no polígono de Bértoa. Por unha banda preténdese mellorar a rede de hidrantes, cun orzamento de 86.519.69 euros, e, por outra, a instalación de sistemas de videovixilancia, que teñen un custe de 140.564,70 euros.

Así mesmo, a Xunta de Goberno decidiu solicitar outras axudas para a contratación de persoal: á Consellería de Economía, para a contratación de dous/dúas técnicos/as de orientación laboral e á Deputación da Coruña para o persoal da oficina de turismo.