Carballo aproba no pleno a creación de aparcamentos para camións no polígono industrial de Bértoa

Imagen de archivo de un pleno en Carballo realizado en el mes de abril de este 2021_Concello

  • A sesión celebrouse este luns de xeito presencial pero sen público debido ao aumento da incidencia da COVID-19

A corporación municipal de Carballo celebrou este luns o pleno ordinario do mes de xullo, cunha extensa orde do día e sen público debido ao preocupante aumento dos casos de COVID-19 no concello, que este martes rexistra 207 casos. A sesión volveu a estar ao completo tras a toma de posesión do socialista César Fernando Varela Novo en substitución de María Torres Pose, que presentara a súa renuncia como concelleira no pleno de maio.

Entre os acordos adoptados decidiuse, por unanimidade e de xeito inicial, aprobar a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal-PXOM para a delimitación do núcleo rural da Ponte Rosende. Outra das modificacións ás que se lle deu luz verde de forma provisional permitirá a construción dun aparcamento para camións no polígono industrial de Bértoa. O cambio afecta a unha superficie de 4.684 metros cadrados, con capacidade para 42 vehículos.

Todos os partidos excepto TeGa, que se abstivo, aprobaron o regulamento do fondo social do persoal do Concello de Carballo. Tamén se procederá á modificación da relación de postos de traballo (RPT) á vista da estrutura orgánica e das necesidades de distintos departamentos. Neste caso TeGa votou en contra, o PP abstívose e PSOE e BNG, a favor. Esta votación tamén se deu no proceso de cambio do cadro de persoal do Concello para o ano 2021 como consecuencia do proceso selectivo de 13 administrativos/as por promoción interna.

Por outra banda, acordouse modificar o contrato administrativo de xestión do servizo da recollida de lixo, transporte, punto limpo e canceira, que pasa a ter un custo de 764.615,69 euros ao ano, o que supón unha minoración con respecto ás tarifas anteriores. Todos os grupos votaron a favor agás o PSOE, que se abstivo.

Por unanimidade tamén se determinaron os festivos para o vindeiro ano. Serán o 1 de marzo, Martes de Entroido, e o 25 de xuño, un dos días grandes das festas patronais. O 24 de xuño, día de San Xoán Bautista, será festivo autonómico.

Mocións
Houbo varias mocións no pleno deste luns. A presentada polo PSOE para a creación dun servizo municipal de urxencias sociais as 24 horas do día e os 365 días do ano foi rexeitada. Votaron en contra BNG e PP, argumentando que o servizo estase a prestar xa de facto. TeGa abstívose. Tampouco saíu adiante a moción socialista para que as persoas con mobilidade reducida con tarxeta de aparcamento para prazas reservadas poidan aparcar na zona azul sen límite de tempo. O resultado da votación foi o mesmo que na moción anterior.

O BNG introducira unha emenda á moción do PSOE para a instalación de lombos nos principais accesos a Carballo. Os nacionalistas solicitaban que tanto a Xunta de Galicia como a Deputación da Coruña, sendo titulares das vías afectadas, coloquen elementos que contribúan ao calmado do tráfico. BNG e PSOE votaron a favor e os outros dous grupos abstivéronse.

A moción do PP sobre a seguridade viaria no acceso á praia de Razo, á que o BNG presentara unha enmenda, foi aceptada por todos os grupos excepto por TeGa, que se abstivo. Os populares tamén lograron sacar adiante a moción sobre o programa Next Generation grazas aos votos a favor de todos os partidos agás do PSOE, que se abstivo.