A Xunta de Goberno Local de Carballo, na súa primeira sesión dende a constitución e organización da nova corporación municipal, aprobou este luns de maneira inicial o estudo de detalle da fachada costeira de Razo, que está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e que afecta a un ámbito de 29.265 metros cadrados en terreos clasificados como solo de núcleo rural de tipo común. En breve abrirase un prazo de información pública para que as persoas interesadas poidan consultalo e, no seu caso, formular alegacións.
O estudo de detalle ten obxectivos compartidos co plan especial, que tamén está en fase de elaboración, como o establecemento de medidas de urbanización da vía costeira e a eliminación do tráfico rodado na mesma ou a indicación das accións de recuperación medioambiental e paisaxística necesarias para as áreas degradadas. Deste xeito, no estudo farase unha diagnose do estado actual do espazo público que inclúe a rúa Paseo da Praia e as perpendiculares, facendo consideracións ao tema da circulación, os materiais e mesmo á ocupación dese ámbito coas terrazas dos establecementos de hostalaría. Tamén se analizarán as edificacións existentes 22 sobre 24 parcelas así coma os cerramentos das fincas.