Carballo aproba o proxecto de mellora do abastecemento e saneamento nos lugares do Monte, A Grela e A Ponte Rosende

2 minutes read

O Concello de Carballo acometerá un importante proxecto de mellora e ampliación das redes de abastecemento e saneamento nos lugares do Monte, A Grela e A Ponte Rosende, na parroquia de Carballo, unha actuación estratéxica que permitirá completar e modernizar estas infraestruturas básicas e que chegará a máis de cen fogares.

A intervención contará cun orzamento de 572.066,72 euros e prevé tanto a instalación de novas tubaxes de abastecemento de auga coma unha nova rede de saneamento de 3.090 metros de lonxitude. O proxecto inclúe tamén unha estación de bombeo na Grela, a carón do campo de fútbol; a eliminación dunha fosa na Ponte Rosende e a construción de 84 pozos de rexistro, ademais da reposición dos pavimentos afectados.

A actuación desenvolverase en núcleos cunha poboación estable e ademais incorpora un compoñente ambiental salientable, xa que permitirá reforzar a protección do río Rosende, afluente do Anllóns, reducindo riscos de vertidos e mellorando a calidade das augas e do entorno natural.

Con esta intervención, o Concello reforza o seu compromiso coa modernización de infraestruturas básicas e cun modelo de servizos públicos máis eficiente e sostible.

A actuación permitirá avanzar na dotación de saneamento e abastecemento nos núcleos afectados e suporá unha mellora directa na calidade de vida da veciñanza, beneficiando a máis de cen fogares do Monte, A Grela e A Ponte Rosende.

A inclusión do proxecto no POS+ Complementario foi aprobada no pleno ordinario de xaneiro, celebrado este luns 26, cos votos a favor do BNG e o PSOE e a abstención do PP. Os populares puxeron en cuestión os criterios para a elección do proxecto e o alcalde, Daniel Pérez, defendeu que o criterio principal é beneficiar ao maior número posible de veciños e veciñas coa extensión dos servizos esenciais, que no caso do abastecemento e o saneamento chegan xa a máis do 90% da poboación do concello.