- As actuacións previstas van orientadas á extensión do ciclo de auga e a mellora da rede viaria tanto na zona rural coma na urbana.
A corporación municipal de Carballo aprobou no pleno celebrado este luns a distribución dos fondos que corresponden ao concello dentro do Plan Único POS+ 2020. O PSOE apoiou a proposta do goberno do BNG, mentres que o PP e Terra Galega abstivéronse.
Deste xeito, o Concello de Carballo destinará 603.452,44 euros da achega provincial procedente do superávit da Deputación a gasto corrente, liberando deste xeito ese mesmo importe dos fondos municipais para investimentos propios, axilizando os procesos de contratación e execución. Os outros 171.006,65 euros que completan a achega provincial do 2019 destinaranse a investimentos financeiramente sostibles, en concreto á extensión da rede de abastecemento de auga aos lugares de Serantes (Oza) e Xoane (Goiáns).
No Plan Único POS+ figuran, ademais, 557.911,81 euros correspondentes ao préstamo provincial 2020. Con esta cantidade acometeranse tres proxectos: a mellora da capa de rodadura da vía de Canosa (Rus) a Pereiro Vello (Entrecruces) con aglomerado, por 304.445,69 euros; a reurbanización da rúa Tarragona, por 65.200,11 euros, e a reurbanización da rúa Perú, por 188.266,01 euros.
A corporación municipal aprobou tamén o Plan Complementario 2020, que inclúe obras por importe de 1.924.107,72 euros. Son as seguintes:
- Rede de saneamento e abastecemento nos lugares de Leboreo, Requeixo e A Rega (Bértoa): 368.311,59 euros
- Redes de saneamento e abastecemento nos lugares de O Curro, Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda (Berdillo): 275.001,32 euros
- Conservación e mellora de rúas no núcleo rural tradicional de Os Vilares (Sísamo): 229.249,03 euros
- Mellora da capa de rodadura na vía das Labradas á Ponte de Bértoa: 142.639,07 euros
- Rede de saneamento e abastecemento de auga en Cambre de Lema e Cambrelle (Razo): 416.971,86 euros
- Rede de saneamento no Igrexario de Lema e en Arnados (Razo): 128.097,05 euros
- Reforma da Escola de Arrabais para centro social no barrio da Milagrosa: 147.317,86 euros
- Accesibilidade en beirarrúas das zonas da Milagrosa e a avenida Ponte da Pedra: 216.519,94