Carballo | Aprobación provisional do PEID para a implantación dunha área deportiva na Lagoa

2 minutes read

A Xunta de Goberno Local, celebrada este luns no Concello de Carballo, aprobou de xeito provisional o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para a implantación dunha área deportiva na zona da Lagoa.

A única diferenza con respecto ao documento inicial é un pequeno incremento de superficie, que pasa de 81.551 a 81.823 metros cadrados debido á inclusión dentro do ámbito da superficie total das parcelas catastrais ocupadas en parte pola rúa Vila de Negreira. A intervención urbanística prevista ten unha dobre finalidade: proxectar un espazo para novas instalacións deportivas, que resultan moi necesarias no noso concello dado o incremento constante do número de entidades e de practicantes de diferentes deportes, e aproveitar un entorno natural que se poida empregar para a práctica da actividade física por parte de calquera persoa.

Para cumprir eses obxectivos, no PEID establécese o seguinte reparto:

  • EQ-1/EQ-2. Nestas zonas, que suman 25.356,35 m² (o 30,99% do total do ámbito), é onde se emprazarán as instalacións deportivas.
  • ZV/EL-1. Esta área, que quedará en estado natural, ten unha superficie de 37.751,45 m² (46,14% do ámbito total do plan) e destinarase á actividade deportiva programada con sendas peonís e pequenas explanadas para a práctica de deporte afeccionado.
  • PZ/EL-2. Trátase dun espazo libre de carácter urbano proxectado como praza pública e que conta cunha superficie total de 7.735,65 m² (un 9,45% do total).
  • AP-1/AP-2/AP-3. Estas zonas están destinadas a estacionamentos públicos, suman un total de 7.962,80 m² (9,73% do total) e contan cunha capacidade para 334 vehículos. Teñen unha dobre finalidade: ser utilizadas polas persoas usuarias das novas instalacións e tamén como aparcadoiros disuasorios ou de proximidade pola súa situación inmediata ao centro administrativo e comercial de Carballo.
  • VIARIO. O resto da superficie do ámbito, 3.016,75 m² (3,69%), está destinada a regularizar as vías existentes, completar a rúa Vila de Negreira cunha senda peonil e carril bici, dar continuidade á rúa Álvarez de Sotomayor e conectar coas rúas Lagoa e Bosque.

Durante o período de información pública presentáronse seis escritos de alegacións. A maioría foron desestimadas e dúas foron aceptadas parcialmente. Agora, unha vez aprobado de xeito provisional, o plan especial será remitido á Xunta de Galicia para que emita o informe preceptivo no prazo de dous meses.

Plano.