- Na Xunta de Goberno Local deuse luz verde á convocatoria anual de bolsas de axuda ao estudo para o alumnado de Educación Infantil e do Conservatorio de Música
A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou na sesión ordinaria deste luns unha serie de liñas de axuda a entidades e familias por un importe total de 160.000 euros.
Por unha banda deu luz verde á concesión de subvencións destinadas á promoción e ao fomento do deporte escolar por un importe total de 9.000 euros. Desta cantidade, 7.494,20 euros corresponden á Agrupación Deportiva Escolar do CEIP Fogar e 1.505,80 á ANPA San Martiño do CEIP Nétoma-Razo. En ámbolos casos as axudas van destinadas a financiar as escolas deportivas de base que se desenvolven en horario extraescolar nos centros educativos de Infantil e Primaria.
A promoción do deporte é tamén o obxecto da subvención nominativa concedida ao Bergantiños Fútbol Club, por un importe máximo de 60.000 euros, para a participación en competicións federadas ao longo deste ano. O Concello de Carballo achega, deste xeito, o 41,74% do orzamento anual do club, que acada os 143.732 euros. A porcentaxe restante repártese entre subvencións da Deputación da Coruña, por 33.000 euros; axudas a desprazamentos da Federación, 9.000; axudas á profesionalización da Federación, 26.000; subvencións da Xunta de Galicia, 750 euros; cotas dos socios, 8.625, e cotas dos equipos de base, 6.357 euros.
Tamén se aprobou a subvención nominativa anual á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, por importe de 25.000 euros, para a colaboración de actividades preventivas en actos multitudinarios e concentracións de público, regulación dos aparcamentos nas praias, participación en simulacros en colexios e edificios municipais, selección e preparación dos socorristas das praias, apoio á area de Servizos Sociais e colaboración coas entidades deportivas.
Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde ás bases da convocatoria de axudas de estudos para o alumnado do segundo ciclo de educación infantil e de grao elemental ou profesional do Conservatorio Profesional de Música (CMUS) do Concello de Carballo, para as cales se reserva unha partida de 66.000 euros.
Na sesión deste luns tamén foron aprobadas varias solicitudes de subvención por parte do Concello de Carballo á Xunta e á Deputación, en concreto 524.464 euros para un novo obradoiro dual de emprego nas especialidades de cociña e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, 33.840 euros para o servizo de limpeza de praias durante os tres meses de verán e 85.545,26 euros para o financiamento do persoal do Centro de Información á Muller.