Carballo | Aprobada unha nova liña de axudas a autónomos e pemes por case 700.000 euros

Edificio Concello de Carballo

  • Estas axudas de reactivación económica estarán financiadas nun 80% pola Deputación da Coruña

O goberno municipal aprobou na Xunta de Goberno Local, celebrada este luns 28, a adhesión do Concello de Carballo ao Fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña, que permitirá inxectar un total de 688.222,72 euros máis no tecido empresarial. Esta cantidade, que será financiada nun 80% pola Deputación e complementada pola administración local co 20% restante, permitirá establecer liñas de axuda directas a persoas autónomas e microempresas.

Segundo os datos do IGE, en Carballo hai 2.833 autónomos/as e empresas con menos de 10 persoas asalariadas, o que supón a cifra máis alta de todos os municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes. Con estas axudas, que se suman á iniciativa de “Sempre Carballo”, desde o goberno local queren contribuír á recuperación e á viabilidade das pemes posto que “é o que nos dá estrutura como pobo”, sinalou o alcalde, Evencio Ferrero.

Ademais de inxectar case 1,4 millóns de euros na economía local, dende o Concello tamén impulsaron outras iniciativas de axuda ao empresariado municipal, como a exención da taxa pola ocupación de solo público con terrazas de hostalaría para todo o ano 2020 ou a campaña de dinamización das compras nas librarías locais.