Carballo | Aprobadas as expropiacións dos terreos para crear unha rotonda na Revolta

Plano de la rotonda en la zona de A Revolta_Concello de Carballo

  • A Xunta de Goberno local tamén aprobou a solicitude de sete cursos de formación á Xunta de Galicia

Este luns celebrouse a Xunta de Goberno local en Carballo onde se aprobou, de forma definitiva, o proxecto de expropiación dos terreos para a execución dunha rotonda na AC-552, á altura da avenida da Revolta, prevista no PXOM. Tal e como sinalan desde a Alcaldía, unha parte dos terreos son «de dominio e uso público viario e seguirán mantendo esa mesma condición, coa única variación das obras que realicen sobre dito viario coa pertinente autorización sectorial». A outra parte do terreo desta rotonda corresponde «á cesión obrigada a cargo do sector de solo urbanizable no que está prevista a construción do Parque Comercial A Revolta». Así, en total expropiaranse 565 metros cadrados, divididos en catro parcelas, cun valor de 25.380,92 euros.

Polo acordo adoptado na xuntanza quedan desestimadas as alegacións presentadas e apróbase definitivamente o proxecto de expropiación. As persoas interesadas dispoñen dun prazo de 20 días para amosar a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente.

Subvencións. Na Xunta de Goberno local tamén se deu conta das resolucións da Deputación da Coruña polas que se conceden as seguintes subvencións: 31.149,30 euros para o servizo de limpeza de praias, e 9.980 euros para o mantemento de postos de traballo de persoal técnico nos servizos de Cultura. Ademais, acordouse solicitar á institución provincial outra axuda de 30.000 euros para o mantemento da Unidade de Condutas Adictivas (UCA).

Cursos. Por outra banda, dentro da convocatoria de accións formativas para persoas desempregadas, decidiuse pedir á Consellería de Emprego e Igualdade os seguintes cursos: soldadura electrodo revestido e TIG, operacións auxiliares de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións en edificios, cociña, montaxe de mobles e elementos de carpintería, competencia matemática nivel 2, lingua castelá nivel 2 e lingua galega nivel 2.

Outros acordos
Na sesión ordinaria aprobáronse facturas por un total de 63.484,31 euros, licenzas urbanísticas e a denegación da solicitude de modificación contractual presentada pola empresa concesionaria do servizo de axuda no fogar. Tamén se deu luz verde á permuta de terreo para un camiño público no lugar de Vivente, na parroquia de Ardaña.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha