Carballo | Aprobadas en pleno extraordinario as obras que se acometerán con cargo ao remanente

1 minutes read

A corporación carballesa celebrou un pleno extraordinario de maneira telemática no que aprobou as obras que se acometerán con cargo ao remanente municipal. A proposta de actuacións presentada polo grupo de goberno do BNG, por un total de 3.411.416,10 euros, contou co apoio do PSOE aínda que a súa voceira lamentou que non se consultase ao resto dos grupos. TeGa e PP abstivéronse, os primeiros por considerar que existen outras obras “máis prioritarias” e que debería haber máis proxectos e máis ambiciosos, e os segundos porque cren que ningún dos proxectos “van mitigar os efectos da pandemia”.

O alcalde, Evencio Ferrero, explicou que o goberno aplicou “un criterio de prudencia” porque “que se poidan incorporar remanentes, por fin, non significa que non teñamos que seguir cumprindo co pago a provedores e coas obrigas que ten o Concello coas empresas”. Tamén dixo que esta non é a primeira modificación dos orzamentos, senón que xa se fixeron outras para atender as necesidades sociais ou do sector económico, e lembrou que as obras “deben estar rematadas a 31 de decembro do 2021, polo que teñen que ser obras cun prazo de execución non demasiado longo. Por iso estamos facendo este pleno extraordinario”. Terra Galega votou en contra da acta da sesión anterior e volveu a pedir a gravación en vídeo dos plenos.