- Na Xunta de Goberno Local tamén se adxudicaron obras por un importe superior aos 400.000 euros
Na Xunta de Goberno Local de Carballo, celebrada este luns, adoptáronse varios acordos como a adhesión do Concello ao convenio de colaboración entre a Vicepresidencia Primeira, e as consellerías de Presidencia, Xustiza e Turismo así como a de Emprego e Igualdade para a concesión de axudas ao sector da hostalaría cuxos negocios resultaron afectados polos peches decretados polas autoridades sanitarias.
O Concello de Carballo deberá complementar as axudas autonómicas a 162 establecementos locais cun achega de 1.000 euros para cada un.
Na sesión deste luns tamén se deu luz verde a facturas por importe de 26.876,22 euros, vaos e licenzas, entre elas outra máis para unha nave industrial no polígono de Bértoa.
Subvencións para entidades deportivas e sociais
Quedaron aprobadas as bases das convocatorias anuais de axudas a entidades deportivas para o financiamento das súas actividades por un importe total de 114.000 euros. Ademais, o Bergantiños Club de Fútbol recibirá unha subvención nominativa de 40.000 euros. Tamén foron aprobadas as bases reguladoras das subvencións anuais a entidades de carácter social por 60.000 euros.
Contratación e obras
En materia de contratación, admitíronse os expedientes dos servizos de telefonía, asesoría psicolóxica do Centro de Información á Muller e subministro de aplicación web para a xestión do servizo de axuda no fogar.
Tamén foron adxudicadas varias obras como a reforma do centro social da Milagrosa (Escola de Arrabais) por 129.445,80 euros; a reurbanización da rúa Tarragona por 58.869,19 euros; e a substitución da cuberta e revestimento de fachadas no pavillón Carballo Calero, actuacións valoradas en 234.715,80 euros.