Carballo | Aprobado definitivamente o orzamento do 2021 nun pleno de 10 minutos


O orzamento do Concello de Carballo para este ano foi aprobado este luns de xeito definitivo pola corporación municipal tras a resolución de dúas alegacións: unha do sindicato USO, que foi rexeitada, e outra presentada polo persoal de axuda no fogar, que foi aceptada. Esta modificación suporá que as traballadoras que cumpran cos requisitos de titulación poderán pasar do grupo 5 ao 4, mellorando deste xeito a súa situación salarial, tal como se establece no convenio colectivo. O orzamento, que acada os 26.159.231,03 euros, foi aprobado definitivamente cos 12 votos a favor do BNG e 8 abstencións do resto dos grupos. O PSOE contou con dous representantes no salón de sesións pola ausencia de María Torres. Nunha sesión exprés, de só 10 minutos de duración, tamén se deu conta da liquidación do orzamento do ano pasado.