- A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a declaración de ruína dun edificio situado na rúa Mirtos
A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou este luns o expediente de contratación do proxecto de conservación e mellora de rúas no núcleo dos Vilares, na parroquia de Sísamo. A actuación, incluída no POS+Adicional da Deputación da Coruña, ten un orzamento de 232.168,15 euros.
Na sesión tamén se aprobou a demolición do edificio situado no número 10 da rúa Mirtos nun prazo máximo dun mes despois de declaralo en ruínas, poñendo fin deste xeito a un longo proceso administrativo. No caso de incumprimento procederase á execución subsidiaria por parte do Concello. A edificación, construída no ano 1963, consta dunha vivenda de 52 metros cadrados e un almacén de 21 metros cadrados que, segundo os informes técnicos, se atopa «en avanzado estado de deterioro», sinalan desde o goberno local.
Ademais, a corporación deu luz verde a facturas por importe de 29.026,12 euros; devolución de avais, vaos, licenzas urbanísticas, cinco expedientes por reclamación de danos causados en bens público e un por responsabilidade patrimonial, que se estima parcialmente. Así mesmo, autorizou a solicitude dunha axuda á Consellería de Cultura para a adquisición de novidades editoriais para as bibliotecas.
Fóra da orde do día adoptáronse dous acordos: a aprobación do prezo público para o Taller Kamikaze do Festival Carballo Interplay, que quedou fixado en 150 euros, e a declaración de adxudicación deserta do contrato de obras de pavimentación en varios espazos urbanos debido a que a empresa adxudicataria non presentou a documentación requirida.