Carballo | Aprobado o proxecto de reforma do parque do San Martiño para evitar inundacións

1 minutes read
  • O plan, elaborado por Augas de Galicia, prevé a construción de motas e dunha nova ponte

Esta semana quedou aprobado o proxecto elaborado por Augas de Galicia para acometer unha reforma integral no parque do San Martiño de cara a reducir o risco de inundacións nas beiras do río Anllóns.

O acordo entre a entidade e o Concello de Carballo obriga a este último a achegar os terreos, xestionar as licenzas e facerse cargo do mantemento posterior das obras. A Xunta, pola súa banda, financiará as actuacións cun total de 3 millóns de euros, procedentes nun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A corporación municipal xa dera luz verde en novembro do ano pasado ao inicio do proceso de expropiación dos terreos precisos para acometer estas intervencións. Son, en total, 5.387 metros cadrados pertencentes a 10 propietarios, entre eles o propio Concello.

O obxectivo da actuación que se acometerá no San Martiño é adoptar as medidas precisas para evitar que en época de crecidas a auga siga chegando ás vivendas e negocios da contorna. Para iso, os técnicos establecen a necesidade de construír motas de protección que contribúan á contención da auga e de modificar tanto a configuración como o emprazamento da ponte, que carece da altura necesaria para facilitar o fluxo do río.

O investimento previsto é de 366.697,74 euros, e o prazo de execución, unha vez as obras sexan adxudicadas por parte da Xunta, será de tres meses.