Carballo | Aprobado o proxecto do centro social de Goiáns por 451.000 euros

Proxecto do centro social de Goiáns_Concello de Carballo

  • A primeira fase da obra sairá a licitación en breve por 354.956,95 euros

A rede de centros sociais do Concello de Carballo ampliarase a curto prazo coa construción do centro social de Goiáns. O proxecto, que ten un orzamento de 451.879,40 euros, foi aprobado este luns pola Xunta de Goberno Local, que ademais acordou a posta en marcha o procedemento de contratación da primeira fase das obras por 354.956,95 euros. Deste xeito, nos vindeiros días abrirase o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.

Os autores do proxecto, Laia Cervelló e Miguel Fernández-Galiano, do estudo Fernández Carballada e Asociados, destacan o «enclave privilexiado» da parcela na que se situará o centro social xa que quedará visible dende todos os camiños que o rodean. Para aproveitar as especiais característica da contorna, Cervelló e Fernández-Galiano optaron por un inmoble con cinco fachadas igual de representativas e sen priorizar ningunha das súas orientacións.

O centro social de Goiáns formará parte da paisaxe, convirtíndose esta nun elemento máis de deseño. A construción terá unha planta única, central e cadrada, de 21×21 metros, e esa peza central fragmentarase en rectángulos de distintos tamaños e proporcións que «dan solución ao programa de necesidades presentado polo movemento asociativo da parroquia», destacan desde o Concello. Cada volume contará con cuberta a dúas augas para que visto dende a distancia semelle unha aldea tradicional, pero tamén se introducen elementos contemporáneos mediante a utilización do material e a cor escollidos para as fachadas.

O edificio, de planta baixa, ocupará 341,62 metros cadrados, incluídos 51,73 correspondentes aos patios descubertos. Os restantes repártense entre o vestíbulo, iluminado por un gran lucernario circular cenital, dende o cal se accede ao resto das estancias: auditorio con capacidade para 36 persoas que pode duplicar esa capacidade abríndose ao soportal, escenario, sala multiusos, cuarto da limpeza, almacén, oficinas, arquivo, cociña e aseos. O proxecto prevé tamén a creación de 14 prazas de aparcamento e un axardinamento baseado na potenciación das especies arbóreas existentes.