A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade comunicou ao Concello de Carballo a concesión dunha subvención de 503.987 euros para o desenvolvemento do proxecto do obradoiro dual de emprego “Fórum Dual”, que fará posible a formación dun total de 20 alumnos/as traballadores/as: 10 na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e 10 en cociña. O obradoiro terá 12 meses de duración, ao longo dos cales as persoas participantes recibirán a correspondente compensación salarial.
Este novidoso proxecto pretende, por unha banda, formar a profesionais en dous sectores cunha alta demanda no mercado laboral, xa que se atopan entre os cinco con maior contratación no primeiro trimestre do ano.
Con este proxecto dual, que arrincará no mes de setembro, preténdese formar a colectivos moi diversos en dous dos sectores máis afectados non só pola crise provocada pola COVID-19 senón tamén pola falta de recursos para a formación e a profesionalización dos traballadores e traballadoras.