Carballo | Aprobado polo pleno o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable

Pleno ordinario Carballo, octubre 2020

  • A corporación municipal tamén deu o seu visto bo á renovación do convenio do transporte metropolitano

O Plan de Acción para o Clima e a Enerxía (PACES) xa ten un espazo no concello de Carballo grazas a un compromiso adquirido tras a adhesión ao Pacto dos Alcaldes, que se fixo realidade no pleno ordinario celebrado este luns co apoio de todos os membros da corporación agás os dous representantes de Terra Galega (TeGa), que se abstiveron.

O PACES é un instrumento que permitirá ao Concello elaborar un inventario de emisións para obter un diagnóstico de referencia das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) resultantes do consumo de enerxía. Ademais, aplicaranse certas medidas para reducir as emisións de CO2 nun 40% ata o ano 2030 con respecto aos datos do 2011 cando, segundo os datos que figuran no propio plan, a poboación de Carballo emitiu á atmosfera un total de 137.111,75 toneladas de CO2, é dicir, 4,38 por habitante.

Na sesión ordinaria do luns, que contou con 19 concelleiros e concelleiras polas ausencias do nacionalista Marcos Trigo e a socialista Mª Carmen Vila, tamén foi aprobada por unanimidade unha nova bonificación de ICIO, IBIU e IAE pro fomento do emprego, neste caso para un centro de negocios situado na rúa Gran Vía.

TeGa, que votou en contra da acta da sesión anterior, abstívose na aprobación do convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano na área da Coruña, mentres que o PSOE contou co apoio do BNG para sacar adiante a súa moción sobre a problemática da vivenda en Galicia.

Por outra banda, tamén saíu adiante por unanimidade a iniciativa do PP para instar ao Goberno a que ingrese as contías do IVE non liquidadas correspondentes ao exercicio 2017.