Carballo aprobará no pleno deste luns a actualización do catálogo de hórreos

Cedida

  • Das cinco alegacións presentadas durante o período de exposición pública tres foron aceptadas

A corporación municipal de Carballo reunirase o próximo luns en sesión ordinaria para aprobar, de xeito provisional, a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que permitirá a actualización do catálogo de hórreos do municipio.

O obxectivo do proceso de revisión, iniciado hai máis dun ano, é que o catálogo incorpore unicamente aqueles elementos que respondan con exactitude á definición de patrimonio etnolóxico establecida na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia para «determinar o grao de protección que corresponda en cada caso, regulando, en consecuencia, as obras que se poden realizar», sinalan desde o Concello.

Tras un exhaustivo traballo de campo realizado polo equipo técnico encargado da revisión, o catálogo queda conformado por 1.052 hórreos que terán categoría de bens catalogados ou de bens de interese cultural. Durante o período de exposición pública só se presentaron cinco alegacións: tres delas foron aceptadas e as outras dúas, rexeitadas. A aprobación definitiva desta modificación correspóndelle á Xunta de Galicia.