Carballo | Ardaña pide ao Concello melloras na seguridade viaria e nos servizos urbanísticos

Consello parroquial Ardaña_Cedida

  • Este martes celebrouse a primeira xuntanza do consello parroquial desde o inicio da pandemia

A mellora da seguridade viaria e dos servizos urbanísticos centrou as propostas do consello parroquial de Ardaña celebrado este martes. Esta foi a primeira xuntanza tras o inicio da pandemia e na sesión participaron o alcalde, Evencio Ferrero, e representantes de todos os grupos municipais, que trasladaron as demandas recollidas nunha reunión veciñal previa.

A veciñanza de Ardaña pide máis espazos para camiñar e, nese sentido, consideran prioritario o acondicionamento da pasarela da Ponte Rosende para que sexa accesible. O rexedor recoñeceu a necesidade e indicou que xa se trasladou no seu momento a petición á Deputación, titular da vía, aínda que de momento non hai avances. De todas formas, Ferrero comprometeuse a insistir na solicitude.

Na mesma estrada, o consello parroquial tamén demanda a continuación das beirarrúas ata Barís. A este respecto, o alcalde explicou que o Concello elaborará o proxecto e que xa se está negociando coa Deputación a posibilidade de que sexa a Administración local a que realice as obras, como se fixo no resto da vía. Evencio Ferrero cualificou unha vez máis como «ilóxico» que a estrada que comunica Carballo coa capital de Galicia sexa de titularidade provincial, polo que dende o Concello seguirase reclamando a súa transferencia á Xunta.

Á parte destas actuacións, por parte dalgún veciño formulouse unha proposta para arranxar un camiño de pescadores moi utilizado pola veciñanza tanto a pé coma en bici.

Ademais das melloras relacionadas coa mobilidade, o consello parroquial de Ardaña considera prioritaria tamén a mellora dos servizos urbanísticos, fundamentalmente completar as redes de auga e saneamento nos poucos lugares aos que non chegan.