Carballo | Arranca o procedemento de contratación da última fase das obras da travesía de Sísamo

1 minutes read

As obras teñen un orzamento de 2.279.527,63 euros, financiados nun 72% pola Deputación da Coruña e nun 28% polo Concello. Parten do punto quilométrico 0,8 (final da segunda fase), no entronque co acceso ao instituto de Monte Neme, e continúan ata o final do vial no lugar de Outeiro (PK 2,5), mellorando e completando as infraestruturas de abastecemento e saneamento de auga tanto no tramo máis urbano coma no rural e adaptando a vía á mobilidade urbana a un ou dous niveis, dependendo da zona.

As obras seguirán a mesma liña das fases anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas de baldosa hidraúlica cun ancho medio de 1,40 metros e dotación de servizos urbanos como saneamento e abastecemento de auga e alumeado con luminarias de LED de acero inoxidable. Tamén inclúen a instalación de mobiliario urbano e o axardinamento.