Chegamos á semana grande das festas patronais de Carballo, a construción das tradicionais figuras para utilizar como fogueiras xa está moi avanzada, as barracas tamén ocupan o seu espazo habitual no Parque do San Martiño e a empresa Electromiño, de Tui, Pontevedra, está a ultimar a colocación dos arcos luminosos que nos indica de Carballo xa arrecende a San Xoán.
Celebracións
A noite de San Xoán está chea de misticismo e maxia. Dise que na noite de meigas o mundo terreal e o máis aló comunícanse permitindo espantar aos malos espíritos, o mal de ollo e as meigas. Pero tradicionalmente esta noite tamén é o momento de dar a benvida á estación estival, de celebrar a vida, as colleitas e a fertilidade.
Crese que esta celebración ten a súa orixe nas culturas pagás que recibían o solsticio de verán, o día máis longo e a noite máis curta do ano, acendendo fogueiras e preparando augas con herbas que servían para afastar ás bruxas e o mal de ollo. Hoxe en día, ademais das fogueiras que se acenden en practicamente cada pobo, hai outras tradicións que caracterizan o San Xoán, como a queimada e o seu conxuro e a preparación da auga de San Xoán, ademais doutros belos costumes locais.
A tradición oral di que hai que recoller polo menos sete plantas e metelas na auga de sete fontes para facer a auga de San Xoán e, á mañá seguinte, teremos que lavarnos con ela. Só así poderemos afastar aos malos espíritos e gozar de saúde e felicidade ata o solsticio do ano seguinte. Tamén hai que saltar nove veces a fogueira para ter protección e boa sorte durante todo o ano. Por suposto, o sensato é esperar a que a maior parte da leña se consuma para practicar o ritual con seguridade. Tamén nove veces tiñan que recibir ás ondas na praia as mulleres que desexaban ter fillos para aumentar a fertilidade.

Cachela en proceso de construción na rúa Perú de Carballo.