Carballo | Arrincan as obras de acondicionamento da vía de acceso ao centro social de Lema 

1 minutes read

O centro social de Lema terá un acceso acorde ao edificio. En breve está previsto que comecen as obras de acondicionamento da vía, que inclúen tamén a renovación dos servizos urbanísticos. Un representante da empresa adxudicataria, técnicos municipais, o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e o alcalde, Evencio Ferrero, achegáronse ata o lugar para concretar os detalles da actuación. A nova pista terá 4,5 metros de ancho e facilitará a participación de toda a poboación nas actividades que se desenvolven no centro social e o acceso ás instalacións do parque infantil e do parque biosaudable existentes no recinto. 

O acondicionamento da pista era unha demanda pendente co consello parroquial, do que tamén partiu no seu momento a proposta de rehabilitación da antiga escola para convertela en centro social. As obras arrincaron no ano 2019, e aínda que remataron no 2020, houbo que agardar ao final da pandemia e das restricións para poder estrear o edificio, no que xa desenvolven a súa actividade as entidades da parroquia. 

O proxecto incluíu tamén a urbanización da parcela, que conta con zona de aparcamento e un parque con xogos infantís e para as persoas maiores, pero quedaba pendente a mellora do acceso para completar a actuación. Se non hai imprevistos, a nova vía estará lista antes do Nadal.