Carballo | As antigas casas dos mestres teñen un novo veciño


Humberto, un indixente de orixe portuguesa estivo varias semanas instalado nun colchón nos soportais próximos ao supermercado Familia, á altura do número 22 da céntrica rúa Vázquez de Parga en Carballo. As autoridades tentaron en varias ocasións convencelo de que alí non podía estar. Incluso o 20 de abril pasado era advertido pola Policía Local de que o Punto Limpo Móbil ía retirar o colchón onde se situaba, entre outras cousas por razóns de salubridade, e ao día seguinte así foi.

Humberto non cesou no seu empeño de abandonar o lugar e continuou varios días no punto, instalado e durmindo no chan ata que alguén lle axenciou un novo colchón. Alí estivo ata hai pouco máis dunha semana.

Humberto, que se define como unha persoa de paz, trasladouse agora ás antigas casas dos mestres, zona próxima ás instalacións de Cruz Vermella e onde durante anos tivo a súa sede a Asociación Antidroga Vieiro, ata que numerosos incendios e roubos a modo de sabotaxe, terminaron por trasladala temporalmente de lugar. Varios veciños deron a voz de alarma hai xa dúas semanas ao ver roupa tendida nun dos baixos da urbanización, así como algún tipo de luz polas noites. Agora, o inquilino afirma que de alí non se vai, que «coñece os seus dereitos e que só o pode mover unha orde xudicial».