- O Concello ten en marcha proxectos de saneamento nas parroquias de Entrecruces, Lema, Oza, Razo, Sofán, Rus ou Berdillo
As obras de saneamento que se están levando a cabo na parroquia de Artes por case 200.000 euros permitirán levar o servizo a 25 vivendas dos lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar. A obra divídese en tres treitos (de Altiboa a Vilar de Francos, de Vilar de Francos a Vilarvello e do Alto a Vilanova e Baltar), o que supón un despregue de máis de 2.500 metros de rede.
Este martes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse ata Artes para comprobar in situ as actuacións que forman parte dun conxunto de obras de saneamento que o concello puxo en marcha en nove parroquias.
Entre os proxectos rematados atópase o de Taboada e A Granxa (Entrecruces) por máis de 230.000 euros; mentres que o saneamento en Lema, Oza e Razo aínda está en execución por un valor de 188.880 euros.
Tamén están adxudicadas as obras en A Piña-Evas (Sofán) por 170.000 euros e en Betrís e Ribeira (Rus) por 81.000 euros. No lugar de Vella Morta (Carballo) ampliarase a rede de saneamento e abastecemento por 104.000 euros. A empresa Vázquez y Reino será a encargada de realizar estas obras que darán servizo ás vivendas situadas na estrada Carballo-Razo, ademais de renovar un treito que está moi deteriorado.
O concello de Carballo tamén ten en contratación un proxecto similar nos lugares do Curro, Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda por 275.000 euros. Unhas actuacións que beneficiarán a 32 vivendas e que completarán as redes na parroquia de Berdillo.