Carballo asina os contratos das obras de conservación e mellora viaria en Castrillón e Aldemunde


O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou este venres coa empresa Construcciones Vázquez y Reino os contratos correspondentes a dúas obras propostas por outros tantos consellos parroquiais: a mellora viaria do núcleo de Castrillón, na parroquia de Lema, e o acondicionamento do recinto da antiga escola de Aldemunde. En total unha inversión de máis de 300.000 euros.

O proxecto de Castrillón é un asentamento tradicional xurdido en torno á capela de Santa Irene e cuxas edificacións manteñen en grande medida a referencia tipolóxica orixinaria. Ademais, serve de miradoiro natural desde o que se divisa gran parte do termo municipal e acolle elementos patrimoniais protexidos, tanto de carácter arqueolóxico, coma o castro de Santa Irene, coma arquitectónico, como a capela, o cruceiro e un hórreo. Por estes valores arquitectónicos, paisaxísticos e medioambientais, o núcleo no seu conxunto está protexido no PXOM.
A intervención prevista, en consecuencia, terá en conta todos eses elementos de interese e seguirá as pautas da Xunta de Galicia para este tipo de núcleos. As obras consistirán na pavimentación do rueiro con formigón, seguindo co modelo utilizado en Cances Grande ou O Rodo, e ademais aproveitaranse para deixar colocada tamén a rede de abastecemento de auga.
En Aldemunde será unha actuación que permitirá gañar un novo espazo público para a veciñanza, ademais de mellorar o aspecto da antiga escola, agora en desuso. Con esa intención demoleranse os muros exteriores, o palco da música, a beirarrúa perimetral e as escaleiras de acceso ao edificio. Tamén será preciso limpar e acondicionar o terreo, sobre todo para diminuír a pendente actual.
A partir de aí realizarase unha obra que permitirá gañar unha praza de uso cotiá e tamén para as festas. Con esa finalidade pavimentarase con formigón parte do espazo e construirase un novo muro de peche con varandas de madeira, ademais de soterrar o tendido eléctrico e de plantar catro novas árbores: 2 carballos e 2 castiñeiros, que garantirán a sombra. A actuación tamén afectará á antiga escola, na que se eliminarán as barreiras arquitectónicas construíndo unha rampla de acceso con varanda de protección de aceiro inoxidable e ademais o edificio pintarase por fóra.