Carballo | Atopan con vida ao veciño de Verdillo desaparecido dende o pasado venres

1 minutes read

Axentes da Garda Civil e da Policía Local de Carballo, persoal de Protección Civil, voluntarios, membros da AXEGA con drons, veciños, amigos e familiares, peinaron desde este pasado venres pola tarde a zona do lugar do Aseñado, parte da parroquia de Berdillo en Carballo e arredores. O obxectivo era localizar a Luciano Bonometti, un veciño do lugar de 76 anos, con problemas de memoria, que levaba desaparecido dende ese día, causa pola que a súa familia presentara unha denuncia ante a Garda Civil. Medios terrestres con cans e incluso medios aereos tamén participaron sen éxito durante dous días na súa procura polos arredores de onde fóra visto por última vez.

Este luns retomáronse as labores de rastrexo pola mañá con máis medios para localizar a Luciano, sumando unha Unidade de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), e membros da Asociación de Cans de Salvamento de Galicia, que se incorporaron ao dispositivo coordinado pola Garda Civil. O home foi atopado con vida ás 16:40 horas deste luns por unha voluntaria que participaba no operativo, tal e como avanzou a Garda Civil nun comunicado. Luciano estaba desorientado, en mal estado, pero vivo. Acto seguido foi evacuado en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) para a súa recuperación.