Carballo | Aumenta a demanda nos programas para deixar de fumar

Cedida

Este martes, 31 de maio, celebrouse o Día mundial sen tabaco e son varias as entidades que desenvolveron actividades ou programas na comarca de Bergantiños para intentar reducir o seu consumo. A Unidade de Condutas Adictivas (UCA) do Concello de Carballo, que este ano cumpre o seu oitavo aniversario, atendeu durante o 2021 a un total de 35 persoas. Dende que se puxo en marcha a atención específica a pacientes con diagnóstico de abuso ou dependencia do tabaco e o alcohol, no ano 2014, a cifra de usuarios non deixa de medrar.

No caso concreto da adicción ao tabaco, o programa de deshabituación está estruturado arredor de 6 sesións, cun enfoque multidisciplinar. Tal como explica a directora da servizo, Lourdes Suárez, «aínda que a abordaxe do problema é, principalmente, de tipo psicolóxico, os pacientes tamén reciben atención médica, coa finalidade de avaliar a necesidade de apoio farmacolóxico para deixar de fumar».

O Concello de Carballo, a través da UCA, oferta á cidadanía un programa específico para o tratamento das adiccións ás drogas legais pero tamén ao xogo, ás compras ou ás novas tecnoloxías. O local da Unidade de Condutas Adictivas está no edificio do antigo ambulatorio e tamén se pode pedir axuda chamando ao teléfono 981 75 62 75. Outra opción é acudir ao médico de cabeceira, xa que estes derivan os casos á propia UCA.

Outra das entidades que traballan a prol de fomentar un estilo de vida saudable é Vieiro, que tamén desenvolve actividades de prevención contra o tabaquismo. Estes días levou a cabo un taller para usuarios dos centros de APEM e ASPABER.

Por outra banda, e a petición da asociación Vieiro, a Casa do Concello de Carballo iluminarase de verde este martes para chamar a atención sobre o problema que supón o tabaco dende o punto de vista sanitario e tamén medioambiental.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha