Carballo aumenta o seu parque móbil


O Concello de Carballo está a realizar a renovación do parque móbil e de maquinaria de diferentes áreas municipais para seguir mellorando os servizos que presta. Esta semana chegou a última adquisición: unha motocicleta tipo trail que mellorará a mobilidade dos axentes e facilitará o traballo policial en determinados eventos, sobre todo deportivos e culturais. O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Seguridade e Mobilidade, Milagros Lantes, acompañaron no acto de recepción do vehículo ao xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, e a dous dos axentes que o utilizarán.

O parque móbil da Policía Local veráse incrementado en breve cun novo todoterreo híbrido.

Tamén foi adxudicado o subministro dun novo camión autobomba contraincendios para Protección Civil.

Ademais dende principios de decembro está circulando pola rede viaria municipal un novo tractor con desbrozadora de brazo utilizado pola Brigada Municipal de Obras nos labores de roza e limpeza da rede viaria de todo o concello.