- A falta de ingresos dispara as solicitudes de axuda, que se incrementaron nun 70% en marzo
O departamento de Igualdade e Benestar, co afán de manter as condicións de alimentación e hixiene das familias con menos recursos, vén de incrementar as contías dos vales de alimentos. As cantidades, que non son fixas, senón que dependen das circunstancias e do número de membros de cada unidade de convivencia, aumentan nun 10% para cada familia.
A falta de ingresos derivada da paralización de boa parte da actividade empresarial a causa do COVID-19 está disparando as solicitudes de axuda por parte dos servizos sociais. No caso dos vales de alimentos, no mes de marzo entregáronse 53, o que supón un incremento do 69,69% con respecto á situación previa á crise sanitaria. En boa parte dos casos, as novas solicitudes corresponden a persoas afectadas por ERTES que aínda non empezaron a cobrar a prestación.
Dende a área de Igualdade e Benestar poñen a disposición de todas as familias que o precisen o número de teléfono 981 704 706, tanto para a tramitación de vales de alimentos coma para cubrir calquera outra necesidade.