Carballo aumentou a súa poboación en 2.917 persoas nos últimos vinte anos

Fonte: Turismo Carballo

O municipio de Carballo ten 31.414 habitantes, cifra oficial de poboación a 1 de xaneiro do ano 2021, que vén de publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE). Son 15 menos que o ano anterior, pero 2.917 máis que no 2001 e 108 máis que no 2011. Nestes últimos dez anos, o Concello de Carballo consolidou a súa poboación por riba dos 31.000 habitantes, aínda que con oscilacións dun ano a outro. A cifra máis baixa rexistrouse no 2017, con 31.195 veciñas e veciños, e a máis alta, no 2020, con 31.429. Por segundo ano consecutivo, a parroquia de San Xoán Bautista supera os 20.000 habitantes e continúa sendo a máis poboada de Galicia. Ten, en concreto, 20.095, que son vinte máis que o ano anterior.