- Feirón, MercaeDillo e Berocasión, contribuíron a encher Carballo de visitantes durante a pasada fin de semana.
Berocasión foi o gran polo de atracción de xente a Carballo durante esta fin de semana, baixo a organización de Axober e a colaboración do Concello de Carballo. Centenares de persoas visitaron os 13 concesionarios participantes nesta nova edición que consolida un formato de portas abertas de gran aceptación, tanto por parte de clientes como de expositores e que puxo á venda máis de mil vehículos.
Segundo a dirección dos concesionarios consultados por nhdiario.es a satisfacción en canto a operacións pechadas era plena e absoluta, un éxito rotundo que terminará de culminar en máis vendas aínda os próximos días, en tanto ás operacións que permanecen abertas. Nin choveu, nin fixo demasiada calor nin tampouco estiveron días de praia, quizais ingredientes óptimos para que a afluencia de público fose masiva durante varios momentos da fin de semana, sobre todo o sábado e o domingo.
Éxito tamén da edición coincidente do MercaeDillo posto en marcha polo CCA Carballo, que coincidiu co feirón dominical e arrastrou a unha enorme cantidade de xente da comarca e arredores á capital de Bergantiños. Á espera dos datos oficiais a satisfacción de moitas das tendas participantes era evidente á última hora da mañá do domingo. Unha edición que ademais tiña como aliciente nesta ocasión importantes descontos de ata o 70% e o sorteo de 900 euros en vales de compra, para gastar en calquera dos 31 comercios participantes na iniciativa.
